luns, 12 de novembro de 2012

imos!.


para facernos erguérmonos cedo
cheos dunha estraña paz interior
para acadar todo o plenodía
liberarte desinteresadamente sen astucia
como viaxar dende aquí sen moverse
por cada momento súbito da paciencia
a escrupulosidade de tódolos movementos
espiados por un
e de toda a hostilidade que xera
que mala sorte!
non se trata de comprender
tratase de refacer de facerse amar
para vivir en igualdade
de anular aos mediocres
xa non se loita se sacrifican os soños
as esperanzas
todo aquilo que pon en perigo
“a felicidade dos outros”
non se pensa no que non se ten.

sábado, 3 de novembro de 2012

si le grain ne meurt.


se a semente morre
a noite medra de presa nun tormento
nas follas dun diario intimo
cheo de desesperación
de canto tempo me queda para sentilo
navegar sobre a mala morte
conseguireino!
se algo podo salvar penso
non pode ser máis que este esgotamento
polo que me deixo ir cheo de esperanza
atravesar coa xema do dedo as errogas
os tempos as estacións as idades
se fora o meu corazón
deixaríame morrer alegremente esta tarde
neste soño de novembro
entre o voo das pegas e os corvos
abrumado entre nubes patéticas
en troques voume nun debuxo
eu tamén herdei da miña nai
adornar aos que amo
entre garabatos e borróns de cores
e figuras despintadas de cabalos galopando
tanto máis desolados estamos canto menos o sabemos
se a semente morre antes de atravesalo océano
 no fondo do teu ser repregase a ansia
todo o que pon en perigo a paz mundana
tódalas horas da noite navegando nun debuxo
 xa non se loita para volver a un mesmo
e tódolos reflexos deste mar de papel
producen dentro de min esta indulxencia.

venres, 12 de outubro de 2012

fenda.


quizás nunca tivemos nada
así cal hoxe
un feixe de recordos non desexados
para queimalos nunha fogueira
no refuxio que tanto acariñamos
neste tramo final que leva
a unha abertura
despois dun paseo polo arboredo
quizás sempre estivemos así
mirando ó un para o outro
pendentes de cando medra o caruncho
gardando as forzas para facer un sacrificio
cando parece que non queda máis
que morrerse dun malentendido
sen posibilidade de compadecerse
como os que non teñen ningunha relixión
agás a arrogancia de escoitar o canto dos grilos
quizás sempre estivemos así
a piques de compadecernos
sen renunciar a nada
sen poder abrila cabeza.

luns, 6 de agosto de 2012

en folga.



este blog declarase en folga ata o derradeiro día de setembro por mor de tódalas melloras sociais acadadas e defendidas con uñas e dentes como son a desigualdade social máis acusada o 21% do incremento do ive, a creación de bancos negros a conxelación de salarios e de traballo o sufrimento dos mais desfavorecidos a mentira reiterada e  o secuestro do dereito a sermos felices consentida polo gremio de pseudo poetas sociais. e coa fe de que sexan reeducados como verdadeiros cidadáns  este blog declarase en folga.

xoves, 19 de xullo de 2012

de pedra.


mentres nos miramos no espello
para aprendelo papel
fora transformase todo
agás un vello disfrace
que queda esquecido na maleta
sinceridade
nin actores somos da nosa historia
nin seres reais
profanamos as nosas ideas
embebidos dunha anguria inmastigable
bufóns nun teatro pechado
por falta de pago sen socios protectores
nin mecenas
dende a cuncha o apuntador
representa un drama inmenso
quedou mudo e agora son as sombras
as que pernotan na escena
volveremos ás mascaras antigas
aos sacrificios desmedidos
ás estruturas verticais
para finxir rostros parecidos
para provocar felicidades violentas
antes de que encomece a función
para romper en aplausos
tanto medo
sacala mascara para ver realmente a cara
e asustarse de tanta miseria
neste teatro mudo sen acción
onde non somos nin seres reais nin actores
sen capacidade de asaltala felicidade
arrebatala para compartila
fora moitas cousas transformaron
alguén sabe por qué quedamos
baixo as columnas tirados
nun hemiciclo baleiro sen porvir
sen despintarnos sostendo un reloxo de pedra?.

luns, 9 de xullo de 2012

vergo.


facía tanto tempo que non se lle erguía
que corría berrando collédeo collédeo
e así foi que llo colleron
e o levaron pola praza en procesión
milagre dicían mirando para o nabo de esguello
e por onde pasaba ia preñando
a todo aquel que se achegaba
e sentía como se lle metía
na fendedura sen estorbarlle
nada que puidera neste sacro fantasío
que deleite poder cabalgar a quen desexas
e de goce correrte
e que tristura posuír nada mais cun nabo
e que en procesión cho leven
máis desexar que sexamos dous que gloria!
para felicidade do mundo
unha braga tecida polos raios da lúa
que garde só un instante o teu figo
e o seu arume sacrosanto
pero sobre tódalas cousas
e aínda que leven en procesión o meu nabo
de deus esta é a súa obra grandiosa
para en goce eterno un dentro de outro penetrémonos
pois do paraíso
 ninguén regresou ata o da agora.

luns, 25 de xuño de 2012

bufarda.


é o máis precioso que teño
unha canción na memoria
que bailan aos equinodermos
no fondo do mar
cando a tátareo
arrastro tódalas horas perdidas
se contorsiona dentro de min
o recordo
xa é tarde
un paxaro leva a última consigna
no seu peteiro
unha tormenta varea as mazás
que penduran das nubes
e caen sobre esta bufarda
se tivera que facer un sacrificio
colgaría á modestia nunha cadeira
o futuro non vai agradecelo
perdeuse toda esperanza
de salvar aos náufragos xa afundidos.