venres, 30 de xullo de 2010

no súper.


el dille a súa filla na cola do súper
se non seria mellor inventarse
ela contéstalle que vai aprender árabe
non vai ser que un emir
nos ofreza a oportunidade
de voar nunha alfombra
ou abrazar outra fe
a nazón esta en crise
estamos ocupados pola nostalxia
e polos veráns inxustos
os parados parecen noitaregas
pousados na beira rúa
el dille a súa filla
por que non quedou coa súa nai
tendida sobre a almofada
chea de ás de moscas na casa
inventándose
e van pasando as cousas
enriba da cinta
o que cobra é un socrates impasíbel
metendo na bolsa
un paquete de galletas platónicas
un pan aristotélico
unha nova gama de produtos
cosméticos- filosóficos
estamos na cola do súper
servos e indixentes
dioxenes pide esmola na porta
e el dille á súa filla
se non seria mellor inventarse
pero estamos demasiado ocupados
pola nostalxia
e parece a punto de vir o pasado
quen arrisca pouco gaña pouco
a cambio medran as institucións
e as paredes que nos tapan os ollos
parece que fuximos de nos mesmos
cara un paraíso inútil
calándonos tódalas verdades que non dicimos
por exemplo: morran para sempre
as minúsculas esperanzas.

venres, 23 de xullo de 2010

acontece.



este vintecatro de Xullo na véspera da nazón
na honra de Prisciliano en Compostela
na galería Sargadelos alí na Rúa Nova
camiño da Quíntana,
camiño de tanto do que somos
e xamais esqueceremos, presentamos
a nosa primeira achega
no noso libro intitulado: “penúltimo acto”
o mesmo que da nome ao noso colectivo
as miñas compañeiras Cruz Martinez , Rosanegra
máis eu ás seis e media da tardiña.
quedades convidad@s.

luns, 12 de xullo de 2010

ren.


a vida ten lugar noutro sitio
fora dos nosos limites
so podemos percibila
cando nos afundimos
a vida é un segredo
é a respiración invidente
sentir a alguén dentro
sen poder afastalo
do espazo vital para un mesmo
a vida so se manifesta
nos sentidos
somos pequenas larvas
que nun descoido eclosionan
nunha fráxil folla
en soidade e na diáspora
ao outro lado do mesmo río
a vida nada é nun
se non é no que acontece
unha grande inxustiza
unha realidade inequívoca
a mirada dos mártires dende as cunetas
a cento corenta por hora
nunha estrada de néboa
vivir na hora dun reloxo dun anxo
noutro sitio afundidos
alén dos nosos limites
vendo pasar o tempo suxeitos
soterrando a liberdade dun
nunha caixa baixo terra
esta traxedia é a vida
un gran equivoco
vivir en outro para en segredo
vivir nun mesmo.

xoves, 1 de xullo de 2010

eu digo.


eu digo se o home é unha casa
vaise abaixo co tempo
e as paredes cáense
polos pensamentos prohibidos
polas citas non tidas cun mesmo
se a casa é un home
os seus piares apenas poden
aguantar tanta desidia xunta
enriba dun plano equivocado
feita sobre materiais caducos
e na horta que arrodea
enchida de despropósitos
despois de abonar con sal á terra
nacen froitos cargados de veleno
para logo sen remedio
nun manxar ter que comelos
un xardín cheo de bagoas e berros
dan á vida flores en branco e negro
o aire non axuda a respirar
pasa pola ventá
como un afiado coitelo
se o home é unha casa
non hai xesto de contento
nin alegría que levar á boca
o amañecer volvese afónico
e caído este probe teito
non se mira dende abaixo o ceo
mirase provocador o inferno
se a casa é un home
os raios da lus detéñense
antes de chegar á porta, ala ao lonxe.

venres, 18 de xuño de 2010

vira.


un novo mundo porfiaba
no que a liberdade non fora
unha desculpa para non vivila
mil veces feita
unha cómoda derrota
índose polo funil abaixo
debuxado nun caderno
dun colexio de monxas
onde as tradicións son perennes
e o ollo de Deus un sol triangular
que quenta as mans dos que rezan
e tece unha coroa de dagas perfectas
que se cravan solemnes
dende un ceo de papel caendo
enriba dun efebo
que navega coas súas mans
polo seu corpo ata o naufraxio
nunha barca chea de adeuses
para regalarllos á Morte
que ansiosa por recibilos
cos seus dedos adorna a súa fronte
e esboza na palma da súa man
un ancora e unha rede chea de sortes
il escravo do seu destino
ponse nos seus brazos para que o durma
mentres o vai enloitando
a súa alma obedece
reflexada no argazo que leva a auga
baixo ela un torbellino
vaise a vida toda na corrente
non se ergue mais que o tacto
planeando nesta illa deserta
no medio das súas pernas
habitadas por prateados peixes.

venres, 11 de xuño de 2010

parvo.



detrás dun home hai un obxecto
antigo e sen amorear roto e sen valor
é unha saia de muller onde guarecerse
ata que des amaine o tempo
un dia de cumpríanos sen cumprir
un ano novo que segue sendo vello
detrás dun home ai a pose dun home
salvándose polos pelos dos cascallos
e finxindo un sobresalto
para dicirlle a todo o mundo:
non é nada home
agora que veña un rinoceronte
e crave o seu corno no meu peito
que morre el que eu non morro
detrás dun home hai unha lección mal aprendida
un ser distraído que vaise co primeiro cascabel
pois un home pensa que só os homes coma el
van ao ceo aínda que lle estrañe
pero de momento esa viaxe quédalle lonxe
detrás dun home hai unha sombra de espera
moi longa que lle chama dimensión
por que a diferenza co resto un home é un home
para non parecerse a ninguén
para cazar e ser cazado
para darse a razón sen escoitarse
ofrecer tódalas iniquidades que provoca
e xustificar ao sistema que o alimenta
pola permanencia hexemónico do seu estatus
homes co bandullo cheo aínda sendo esmirrados
co sobaco cheirando a cebola, sen cabeza
rápidos e expertos en voar enriba dunha mosca
para logo ir chorar onde non os vexan
como un gran xerarca que descoñece o termo afecto
para amar tódalas noites
un torso de mármore soberbio.

mércores, 2 de xuño de 2010

fado.




Aquel dia baixei ao peirao a buscala
Ela estaba de camiño
Cando chegou onde min
Miroume e dinme conta de que eu
era unha barca á deriva
Tropezando no espigón que eran os seus pes
Un anaco de pan reseso
Dentro da miña gabardina
É o único que me queda, dixo
E eu respondín:
Que é iso comparado con todo o salitre
Despois mirei ao ceo
E caeu unha gaivota fría e muda
Ela era o acantilado.

Sobre a ponte iamos en cortexo
Un chofer famento
Un carro co canto agudo
O meu pai nunha caixa morto
E eu mirando a dous namorados
Que ao noso paso dábanse un beizo
As ondas do mar lambendo nas rochas
A terra a man aberta caendo na caixa
Os cipreses deixándose levar as miñas costas.

Ao meu pai encurvouno o estaleiro,
As sentinas, as caldeiras e tanto soldar
Pero a súa verdadeira loita
Cando o veu todo perdido
Foi contra os corvos do milleiral
Unha noite que estaba eu a ler
Nun libro do roupeiro de probes
Veu onde min coma un raio
E berroume:
Déixate de lerias e vaites fora
A espantalo diaño!
Despois deume unha vara
Da que penduraba unha lata.
Movendo aquel instrumento
Tívome entre o millo ate o amecer.
Meu pai xa daquela non tiña remedio.

Dende aquí pódense ouvir
As ondas do mar lambendo
Os piares da ponte
A terra a puñados
Desgarrándose enriba da caixa
E os cipreses caendo nas miñas costas.
Meu pai ia ao estaleiro
A quentar as chapas de aceiro co seu alento
E a hora do bocadillo
Darlle un trago á botella
Cravando á súa mirada no ollo de boi
Que daba as grúas paradas
Como obreiros colgados
Sobre o dique de abrigo.
Ela deixounos
Dixo que viña agora
Que saia un intre a por pan.
Moito chorou de tanto que chorou
Dicían que ao meu pai
Encolleralle a faciana
Dende aquela quedou só como un can
Só trazando co seu dedo no espazo
viaxes imaxinarias nun mapa xeográfico.
Esperando o un polo outro
E os dous por ela
Eu chegaba despois de xogala ruína que nos quedaba as cartas
Escorado da travesía
Como escupido das entrañas dunha balea
Arroxado contra a porta como un coitelo
E mentres íame descravando
Viña el por min
Logo abríame i eu entraba
Calaba eu e esperaba o seu discurso con ansia
Pero sen darllo a entender
El achegábase a min como quen ten reparo
Cada dia que pasa: dicíame á o ouvido
Teño máis frío
Ti quéresme verdade
E arrastrando as silabas deixábaas caer enriba de min
Para dicirme sinalando no mapa
Fai un anaco estiven....................................
Logo como un desmaio
Tendíase e quedaba durmido naquel colchón
Que era unha “u” famenta
Sobre unhas táboas de castaño vencidas
Fora ao lonxe podíase ver dende o mainel
Os brelos das luces das casas chiscándome os ollos
Os ladridos dos cans retumbar
No ventre da noite
Famentos coma min do dia que estaba por vir
O porto dende alí parecía un coitelo prateado
Que atravesaba a ria.
Aquel dia baixei ao peirao a buscala
Cando cheguei onde ela
Estaba a carón da mortalla
sacando nunha folla envolta un anaco de pan
Para poñerllo na súa man Inerte, mórbida e fría.

Pola ponte pasaba o cortexo
O meu pai morto
O dia enloitado chovendo
En mala hora finando os pasos
Camiño do cemiterio.
As ondas da mar lambendo os piares da ponte
Os cipreses sobre nos caendo.