xoves, 25 de marzo de 2010

segredo


unha noite é un fracaso
na procura do mal que esta por vir
escandalizada a estancia
por o ir e vir das bestas
unha noite é un dia enteiro a escuras
espido ante un mesmo
unha coitelada de perfil
no peito
un soño no que das ramas das arbores
saen versos da súa medula
envoltos en papeis de cores
nun bosque cheo de pasadizos secretos
un banquete para os mortos
unha gloria de baleiro
un anxo ataviado con cananas
e tocando unha trompeta
sombras que bailan enigmas
entre os dedos
das mans cargadas de literatura
azoutándome eu dos meus propios golpes
un animal en loito tendido na herba
fendidos os ollos por un fío de luz
unha canción que non se pode
cantar por medo
que non ten musica nin letra
que cada vez que se entoa
erguese a brétema e a leva
un labirinto acariñando
unha esperanza que non existe
andando indecisos
animando e matando o murmurio
que vai abrindo a pel
para meterse o mar dentro dela
enriba dunha ponte
empuxan tres homes un carro
tirado por vacas pintadas de cal branco
para logo deixalas caer
sobre a miña cabeza
non hai quen sexa capaz de cerralos ollos
e a boca para expresar tanto espanto
o dia esperta dentro dun tarro
onde medra un xasmín
e no seu vidro vese o meu corpo espido
e dende el apuntando a miña verga
desexando ser vencida entre os doces pliegues
da pel húmida da amasia
o seme dunha vela que se resiste a morrer
unha noite é un soño
que non ten musica nin letra
que cada vez que se entoa
erguese a brétema e o leva.

sábado, 20 de marzo de 2010

delirium

ao trunfo da nada delirante .

videopoema presentado no C.G.A.C, en Compostela

con motivo do filocafé sobre o dandismo.

martes, 9 de marzo de 2010

dandi


que son probe e temeroso a ninguén llo vou dicir
nin que dentro deste traxe estou cheo de cascallos
que ás miñas convencións apóianse nun tabique
ferido e a piques de caer
e que éstrano mantense aínda ergueito
enfronte dun espello onde por graza
podo verme chorar
e pensar que o meu corpo é unha obra de arte
perfecta
que son probe e temeroso...........
pero quen pode dicir: ¿ que non quixen cambialo mundo?
se me inventei tódolos días do ano para non facer ren
e sentilo pracer de sorprender e non ser sorprendido
fun incapaz de amar
e pola contra me amei a min mesmo
¿quen di que non quixen cambialo mundo?
construín a miña vida espiritual
entre toda esta mesquindade
e preferín o triunfo da nada, este artificio
¡elixín señores!. ser incorrecto,
un sedutor de min mesmo
¿e si fun un inútil moral, qué?
peor que isto é ser un burgués ideolóxico
a revolución coma o traballo embrutece ao ser humano
¿para que ter obxectivos?
non o toleraría o meu porte escultórico
enderezado nunha olorosa toilette
morrendo a cada instante dentro dun traxe de marca
esta é a maior redención, este é o delirio
un olor que lévame aos amores precoces
pois a miña nai foi a primeira de tódalas mulleres.
se eu vivira nunha aldea, seria un tolo
un personaxe pintoresco proclive ás risas doutros
algo sobrenatural, como unha muller, por exemplo
e sen embargo coidei de min,
estiven logo nun estado político perfecto
non precisei ao “pater”
e cada vez que mireime co rabo do ollo no espello
vin a miña alma refrexada nel
e esa contemplación divina achegábame a Alcibiades.
¡oh grande!.
non hai mellor maneira de vivir
pararse a pensar un pouco, retirarse dentro de un
por moita presa que haxa ao derredor
e dialogar coa morte, examinala conciencia
exercitala memoria, administralos nosos bens
e gobernar os pronomes
¡me adoro, adorádeme!
no corpo todo pode ser cambiado
e eu cho ofrezo consumible e fresco
esta que é a miña derradeira posesión
¿quen dixo que eu non quixen cambialo mundo?
un mundo mudo é certo pero feito de vontade
un traballo vivo e non petrificado
por que o importante non é a vida mesma
senón o que esta enxendra. Quizais o apocalipse.

venres, 26 de febreiro de 2010

rabia


Camarada:
lamento descoñecela fraternidade
mentres falas de batallas perdidas
no nome doutros
e agochalos ollos ante a mirada
culpando ao tempo de todo
coma unha maldición de por vida
dis que a explotación non é explotación
e a inxustiza é un paradoxo
cantos desempregados fan falta
para formar un exercito que dispare
contra ás palabras caladas da burguesía
e aos sindicatos
están pasando tantas cousas
que tópico é o compromiso
alguén pensa que serve para algo?
e que o que escribe versos é libre
mentres todo esta por facer ?
que os adoquis dunha mesma rúa
son iguais de noite que de día
lamento descoñecela fraternidade
non esperedes máis e matádeme
están pasando tantas cousas
pero a verdade non ten palabras
ten berros e rabia
cando os intelectuais “do eu fun”
acudan aos prostíbulos a confesarse
borrachos de fe
eu serei tan comunista coma eles
un profesional das verdades a medias
e “do agora xa non”
e formarei a par pra ir en contra
do amor e a carne
non esperedes máis e matádeme
profesionais das verdades a medias
somos iguais de ignorantes
so os diferenciades polos días sen futuro
eu escribo como un poeta
como un proscrito
enriba da terra sen producir
so doume a volta para escoitala voz que fala
dos que aínda pensan que podemos ser libres
para encerrarnos onde quereramos
non hai quen se escape
Camarada: non me entenda mal
non hai quen se escape desta idiotez perfecta
periferias colonizadas
todo en contra de todo
todos contra todos
disidentes de todo menos da patronal
sen deixar de ser un anaco do bloque soviético
alguén pensa que o compromiso serve para algo?
e que o que escribe versos e palabras é libre?
que os adoquins dunha mesma rúa
son iguais de noite que de día
cantos versos fan falta
para dicir dunha vez por todas
que nos mandamos na nosa fame
que só hai xustiza para os ricos
que a dignidade non ten prezo
¡Que rabia!.
que seguimos a pagar a quen nos rouba
e que lamento descoñecela fraternidade.

mércores, 17 de febreiro de 2010

canto


“mira, deusa Hathur, o faraón ven a bailar e cantar”

faraón , faraón onde vas así tan triste
co disco lunar no teu peito
cos teus ollos mercenarios
tódalas estacións pasaron por riba do teu tocado
fundiches na cunca de viño
os mesmos labres que amordazaban o silencio
antes de cazalo antílope no deserto
faraón, faraón agora cangas queda ao outro lado do nilo
cas súas augas anegadas de crocodilos
e ti despoxado do teu trono
díchelle todo o que eras a Atón
liberaches a esfinxe
para quedar só con mirra e incenso
sen gobernar o orde do universo
nin as medras do rio
nin o movemento celeste
faraón so che queda a derradeira ofrenda
para cumprir o rito
afogar tódalas túas penas
nesta cunca de viño tinto
despois de tratar de iguais aos deuses
camiño do éxodo
se podo bailo se podo imploro se podo choro
se podo vou ou veño
se podo devólvolle o tributo ao pobo
deixo que os sacerdotes me dean consello
e con un fío xeométrico coso os meus pensamentos,
átoos e logo os encerro
para non sentilo corazón
dentro da pirámide que é este corpo
para cantar e bailar:
“mira, deusa Hathur, o faraón ven a bailar e cantar”
“e as cancións chegaron a estar tristes”.
se podo canto se podo bailo
se podo choro se podo morro na beira deste rio.

mércores, 10 de febreiro de 2010

razón


esta enfermidade
da que non se adiviña a súa gravidade
non ten síntomas
toma a súa dor da desolación
tírate na cama cheo de medos esquecidos
cheo do medo a non ter que dicir
a dicir o que non debes por medo
enriba da colcha acendese a fatalidade
leva ás súas costas o escenario dun teatro
no que o cómico e obrigado
a punta de pistola
a interpretar de por vida esta traxedia
non, á soidade de un non se lle trata así
ai que coñecer demasiadas cousas
e máis fácil odiar que coñecer
non pode calquera berrar ao sol hiperbólico
e perseguilo ata a súa guarida
antes de que remate a veda
non, a un solitario non se lle trata así
por medrar contra da maioría
as palabras só son dardos
para envelenar á presa
os corpos chéiranse entre si
para toparse
a vida en cambio dispón doutro modo
hai que coñecer a soidade de un primeiro
e despois non ter medo
a caer ferido do propio dardo
que se emprega para abatelo
hai que ser un animal ferido
un morto iniciado
antes de recollerse para a súa guarida
os que se aman viven en perigo toda a vida
con razón ou sen ela
nunca rematara a súa veda.

martes, 2 de febreiro de 2010

alma


esta tarde vou facelo
vou lamela ansia de saír de aquí
e rematar de debuxar unha illa
mentres ti les un libro
e saír da miña vida
para axudar a unha moneca
no seu embarazo
e evitar avergonzala
querendo habitar outra cidade
tódalas noites
que pasaron sobre min
un pensamento
que non se debe pensar
esta tarde azul
mentres ti estas moi lonxe
escoitándome
con un billete equivocado no peto
vou lamela ansia de saír de min
da man dunha moneca embarazada
so ela sabe da miña impaciencia
para superar isto
non llo confesei aínda
pero esta tarde tan azul
non hai nada máis co ceo
comparado coa súa mirada benévola
unha estrela fugaz
que non precisa que lle pidas un desexo
vou trazar unha lúa na auga
desta illa debuxada
esta tarde mentres ti escribes
e estas tan lonxe
esperando a un paxaro que te leve
no seu vo ascendente
ninguén sabe de min nin de ti
nin de ninguén que teña a súa alma
atada dentro do seu corpo.