martes, 24 de novembro de 2009

xaponeses


xaponeses!, xaponeses! o panciño universal!

vigo era........pais, fillos, futuro, traballo e industria
e ela alí maxestosa dende o outeiro mirando á ría
amasando nas súas entrañas seres con fariña
que entretiñan os seus dentes con pan negro,
o branco deixalo para os ricos!
xaponeses!, xaponeses! pan de luxo a un prezo corrente!
ceres pasea sola e en silenzo
polas ruínas da panificadora alí na falperra
deixando tendido a Jason e xa morto Plutón
raptada a abundancia e os dons
o pan pisoteado e deixado podrecer polas ideas
homes que son lobos sen fame, matar por matar
xaponeses!, xaponeses! o panciño universal!
ocupado o seu vacio pola inmoralidade humana
detense a noite e conmovese pola dor do pan furtado
amorriñando a muiñada o amasado
e o arrecendo que o vento levaba por toda a cidade
fermentando a liberdade dos seres
recen chegados do inferno á hora do crepúsculo
xaponeses!, xaponeses! pan de luxo a un prezo corrente!
os silos aínda esperando cheos de fariña
ser convertidos polo olvido
ceres na panificadora desvalixada, incendiada, ocupada ,
desolada, especulada e soa
facendo xa oitenta e cinco anos na falperra
cando o rei alfonso dicía pola radio dun día calquera:
aquí me colocaron y aquí tengo que seguir
e o noso alfonso publicaba “cousas” e entraba na real academia
xaponeses!, xaponeses! o panciño universal.
cámbiastenos o pan polo infortunio
para alimentarvos vos e deixarnos as codias
que nos de fame xa vivimos sempre
pois todos, ricos, medianos e probes
poden comer pan de luxo a un prezo de pan corrente.


(xaponeses era un tipo de pan que comercializaba a panificadora de vigo ai oitenta e cinco anos e na súa propaganda dicía a lenda deste poema).

martes, 17 de novembro de 2009

ánimo


sabelo que?. unha mirada chega
para acrecentala saudade
nun renglon insensato
e afogalas palabras a prazos
neste presente imperfecto
neste aire que se respira
baixo un tellado de monosílabos
onde tendidas dun cordel
secan nun sudario as grafías
alto!
todo remata cando comeza
a liña seguida
un puñado de letras da ausencia
un aceno de ánimo
un cabalgamento abrupto
unha mancha caligráfica
na corda froxa,
un susto
que arremete contra o corazón
en repouso
e o axita ata bombear tinta
non queda máis que
cravar na palma da man,
na conciencia
a punta da pluma que escribe
como antídoto contra a alerxia poética
dor, delirio
unha apóstrofe
nesta veiga de linguas mortas.

luns, 9 de novembro de 2009

carta


Querido Enrique :

Douche a benvida ao meu novo correo.
Este foi creado expresamente para o desenfreo e a paseón cibernética, a adaptación aos tempos, renovarse o morrer é a razón de ser de esta falsa rosa gótica, tan falsa como a comunicación cibérnetica, sen calor, sen olor, sen miradas pícaras, chispeastes ,asasinas o desafiantes, sen módulos de voz, sen tons, nin fusas, nin semifusas.....tan só a soedade verdana da grafía no seu impulso dactilar.
Tempos modernos, tempos novos que obrigan a competir, .....a demostrar de continuo a túa competencia e a túa valía....., a túa posta en escena mundana,....a túa competencia sexual,....os teus atractivos femininos....os teus misterios...a túa simpatía e frescura xuvenil -pese a quen pese . Todo elo nunha rede que atrápanos como peixes que cedo serán capturados , subastados para logo ser vendidos nas prazas dos pobos. Unha venta que debe de ser precipitada , a mercancía perde frescura enseguida, as gallas ennegrecen , os ollos amortecen. O fedor ameaza ao cheiro cibernáutico.
Imaxínome a túa sorpresa.
Farta xa de ver saír de continuo mortos do armario, decido ser mais orixinal e meterme dentro da torta de cúmpranos para cantar ao Marylin o de "feliz cúmpranos...."
Gustaríame desfrutar as meles da pasión cibernética, emocionarme abrindo correos, tremerme os beizos mentres leo, abrir o ordenador e voar inconscente en busca da mensaxe.....¡como te amo meu pequeno correo!, ¡como te sinto meu doce yahoo!, como te acaricio Verdana, Tahona, Arial...conéctate á miña rede , axúntame no teu arquivo, priorízame na túa bandexa de entrada, ......no me condes ao teu spam.
priorízame
conéctame
usa as túas ferramentas
engádeme a favoritos
non arquives o meu cheiro
non borres o meu sorriso
non mandes á papeleira o desexo
escribe o noso amor con faltas de ortografía, e eu.........
escribirei o teu nome na sede de microsoft e pronunciarei o teu nome tantas veces como centavos ten a fortuna de Gates, ao mesmo tempo acariciarei os teus beizos e abrirei o meu arroio seco para que o teu “píaro” Nilo regue os meus muslos e o deserto fágase fértil, xurda o edén, a vida, o gozo, o pracer, a música, a poesía, a beleza....o amor.

FIN...da carta dunha amada a un amante descortés.

luns, 26 de outubro de 2009

o túnel


ás veces detéñome sen máis
sen contar con elo
fágoo por que si
sen topar ningunha razón
e póñome a falar cas paredes
se son brancas mellor
e escunchadas, antigas, caleadas
cun cadro que se titule maternidade
con unha soa ventá
que me leve á miña infancia
e a poder ser que teñan unha álcena
e ao primeiro golpe de vista
o solo se xunte ao teito
e aló enriba pendure un cravo
por se alguén quere colgar algo
a capucha dun verdugo
o cinto dun axustizado
a garabata dun maxistrado
o gentleman dun cura
a cofia dunha monxa
a bata dun medico
a paleta dun pintor
o amor a min mesmo
ou a miña camisa de forza
as veces detéñome sen máis
nun flashback buscando o absoluto
e non lembro que viña facer
collo unha folla de cor vermello
e nervioso non sei onde metela
mentres me acorda que onte
metín nun bote esta calor
que sinto agora
e logo saco o prospecto
e leo atentamente
que dos posíbeis síntomas adversos
esta non ter lido a certa idade
o túnel de sábato
quedando despois desto
un pouco máis aliviado
e penso que ata fai un anaco
aquí onde sinalo había unha casa
un can, un home, unha vaca
a soidade o desamor, os ciumes,
o odio e a desesperanza.
non perdón, un atisbo de esperanza.

venres, 23 de outubro de 2009

credo


por confiar
confiaba en que un rato podería cazar a un gato
e compartir os mesmos gustos
deixándome traizoar e ser inxenuo
e esquecer o que o cerebro estábame a dictar
se che digo que confiaba
que a confianza non se pode ver nin medir
e que a fame abre a miña boca
como unha estrada sen saída
se che digo que fun inxusto
que a confianza non se pode ver nin medir
nin pesar nunha balanza
estes días son para min os máis duros
esa noite non puiden aguantar máis
fun unha sombra que tapada por outra sombra
esperaba confiada ao desconcerto
e fun inxusto seino
pero de non ser así que seria do reino animal
a ruda tódolos males cura
o patrón confía en min pero non me da traballo
a diferencia entre claridade e escuridade
e o pouco ou moito que teñas baleiro o estómago
e o corazón encollido
e a conciencia doutros
por elo volvereime meter dentro da sombra
a esperar ao vento cazador
e volverei a ser inxusto, xúroo
por que agora aínda querendo confiar
sei que un rato non podería cazar a un gato
e a confianza non se pode ver, nin medir
nin pesar nunha balanza
ratos e falsos amigos foxen cando escoitan ruído,
non podo negarme a miar
e afastar de min este ratume.

venres, 16 de outubro de 2009

ceo


agora que é todo diferente
cas portas están pechadas
con coidado
que o único ruído es ti
non te asustes
quen senón o entendería
pensa se tiverámolo que facer
quen entendería o por que
e todavía é máis sinxelo
debuxar no fume un castelo
ou tirar un búmerang e que non volva
tódalas escadas que subimos
teremos logo que baixalas
pero tampouco imos pensalo agora
cando é de noite non berramos
nin estrañamos, nin mirámolas estrelas
parece que levamos moito tempo aquí
aquí abaixo esperando
pero tampouco é certo
cando pasa por diante un ser humano
é algo imposíbel
unha oración a destempo
embriagarse mentres outros morren
agora que as portas están pechadas
e todo parece gardado en silencio
mentres o desencanto cúbrenos como unha tea
non podemos deixar de tentalo
o soño libera ao prisioneiro
e todavía podo darlle algunha puntada ao corazón
ver ao ceo e esperar a pedir un desexo
non quero dicir nada de ti
de min fai tempo que non falo
só queda gardar nos caixóns os petalos de rosa
para que o tempo os murche
e logo facer con eles un pentagrama
que arda na mesma chama que arde un cando ama
e deixar que luza a luz inesgotable
pois sexa: ser amado é pasar, amar é permanecer.

domingo, 4 de outubro de 2009

outono


¡oh ti irmán outono!
que es o descanso terreo
o noso refuxio
e que tan cedo dispós
a túa atención aos nosos rogos.

¡oh manto de putrefacción!
cando estamos felices
non te recordamos
nin falamos dos teus beneficios
da túa natureza abundante.

¡oh arbores espidas!
alumeade os nosos espíritos
e prestade atención
ás nosas suplicas
axudádenos neste inferno
onde golpéanos incesante
o indeseado sufrimento.

¡oh follas caídas!
liberarnos das ataduras
e da opresión
e das forzas demoníacas
e apagade tódolos exércitos.

¡oh terra ocre!
líbranos de tódolos desastres
e epidemias
e axúdanos a obter
a riqueza do coñecemento.
cando nos aterrorice o engano.

¡oh nesta época escura!
amósanos o camiño idóneo
e afástanos do desequilibrio
dos catro elementos.

¡oh sagrado outono!
teus devotos e seguidores
esperamos purificarnos
neste gran banquete
que nos ofreces.

¡oh noites longas!
días de choiva e frío
néboa, humidade
leña e fume
sol único e nidio
noz protectora, colar de castañas.
sangue da matanza e viño.

¡erguede os vosos corazóns
a esta profunda suplica!.


(pregase recitalo antes do amañecer ou se non se puidera así, facelo ao anoitecer de tódolos días de outono).