martes, 8 de setembro de 2020

pedras.


nacín home

para saber que os días

están feitos de pedra

e aínda estando mais de medio século

exiliado de itaca

ver que da pobreza nacen migueliños

a pesar de que alguén en paz descanse

non me deixou plantar unha figueira

mais creo agora

nas razóns que teñen as pedras

para queixarse do seu esgotador sobrepeso

nun principio ninguén era así

nin elas tan sequera

tampouco é igual unha pedra do monte

que calquera outra pedra

o que si é certo é que todas elas

de tan cansas que viven

son grandes poetas

antóllanse unha idea, un corpo,  

ou as entrañas esparexidas

nunha ladeira

para logo quedar tan quedas

que aínda que ardan polo sol

libres das mans dos que as moldean

non teñen tristura nin dor

non se lles escurece a alma

non se moven son impertérritas.



sábado, 8 de agosto de 2020

ti non sentes.

un abecedario non sostén unha parede

senón é inerte

non podemos tampouco

herdar homes e mulleres,

varas, eixadas e machadas

que sostiñan outros

nas súas mans

por que as agocharon

as romperon e queimaron

os vosos pais

mais en troques

herdamos estraños

cheos de proxectos irrealizados

so nos libros aparecera a palabra monte

cando queiras saber da existencia do lume

por que a el, ao monte, raramente vai a xente

se non é a emboscarse

a prenderlle

para botar fora as súas pantasmas

os ladróns, os fugados

á escoura 

para que quede igual que hoxe

todo sen resolver

e así de expósito

en todos os seres humanos

hai un monte na súa cabeza

e nel un lugar a onde ir e volver

sen nome

unha pedra, unha árbore

que é capaz de conmover

a quen non sente

agás aos estrategos

que toman as nosas verdades

e lles prenden lume en silenzo

por que ti non sentes.

 

 

 

 

luns, 13 de xullo de 2020

pro .



para perecer no tempo establecido
para a súa obsolescencia
homes impresora, lavadora,
medias, roupa, homes cafeteira,
batería, móbil,
aspiradora, lámpada,
se abandonan nun vertedoiro
destripadas as súas pezas
nunha diversión estúpida
calcular cantas horas lle quedan
ao mesenterio
para deixar de irrigar ás vísceras
tratando de topar unha palabra
que lles serva para aceptar
as expectativas de duración
da clase media
para seguir sendo atractiva
comprar tirar comprar
para seguir sen necesitalo
ser excéntricos
homes calculan todo o inútil
para que sexa posible.





martes, 23 de xuño de 2020

resonare fibris.



UT QUEANT LAXIS RESONARE FIBRIS

Ut queant laxis resonare fibris
Mira gestorum famuli tuorum,
Solve polluti labii reatum,
        Sancte Joannes.
Nuntius celso veniens Olympo,
Te patri magnum fore nasciturum,
Nomen, et vitae seriem gerendae
        Ordine promit.
Ille promissi dubius superni,
Perdidit promptae modulos loquelae:
Sed reformasti genitus peremptae
        Organa vocis.
Ventris obstruso recubans cubili
Senseras Regem thalamo manentem:
Hinc parens nati meritis uterque
        Abdita pandit.
Sic decus Patri, genitaeque Proli,
Et tibi compar utriusque virtus,
Spiritus semper, Deus unus, omni
        Temporis aevo. Amen .


HIMNO A SAN XOÁN BAUTISTA

Co obxecto de que as nosas voces
Podan cantar as túas grandes marabillas,
Desata nosos beizos aldraxados,
Oh San Xoán o Bautista.
Un Anxo do Señor trouxo ao teu pai
A nova de que cedo nacerías,
E lle ditou o teu nome e lle predixo
O curso da túa vida.
Pero como dubidara destas cousas
Perdeu a voz e a fala Zacarías,
E so as achou cando teus ollos
Viron a luz do día.
Dende o ventre materno presentiches
Ao teu Rei no Ventre de María,
E ao revelarllo a Isabel amosaches
O que despois serias.
Gloria ao Pai celeste, gloria ao Fillo
Que xerado por El en El habita,
E gloria ao Paracleto que os xunta,
Por tempos sen medida. Amén.

Guido dÁrezzo. (século XI).




sábado, 13 de xuño de 2020

chispón.




envellecer coma unha paisaxe
que se despega da beleza
dos seus ceos/ das súas árbores/
dos seus camiños/
da súa luz/
un ser inclemente que quérese moderado
coa certeza do eretismo
mollado
no submarinismo do seu corpo
repite sublime
descenso
para despois
desta agradable fantasía
deste soño salgado
de novo verse salvo
no breve dunha exaltación
calar a tempo/non/
mellor facerse
algunha pregunta obscena:
a cantidade de cantos de luz
que chegan aos seus ollos
a inquedanza de lerse envellecer
a inquedanza de descubrir
que para rematar
so un detalle lle queda
coller coa culler o bico
que flota na sopa
que o observa dende o prato.

domingo, 17 de maio de 2020

carvalho.



No Líbano nom hai cedros do Líbano.
Hai-nos nalguns versículos
da Bíblia. Hai-nos nos parques
de inúmeras cidades de Ocidente.

Mas no Líbano, nom. Ao menos
na cordilheira homónima. Talvez
os esgotassem os agentes
de Hiram, rei de Tiro,
que se comprometeu
a enviar materiais a Salomon
para a construçom do Templo.
E em jangadas, até Jope,
polo mar forom os madeiros
transportados polos fenícios.
E Salomom encarregou aos seus servos
de transportá-los dali a Jerusalém.
E Hiram, rei de Tiro, enviou
a Salomom um arquitecto, Huran-Abi,
cujo pai era natural de Tiro
e a sua mai umha mulher da tribo
de Dan; e já servira ao Rei David.

Obedecendo ordens, lenhadores
fenícios derrubarom
cedros a eito; mas
nom creio que o rei Hiram fosse
tam insensato que arruinasse
a sua riqueza forestal.

Mais bem deveu de ser na escura noite
medieval —bizantinos e cruzados,
árabes e mogóis— cando a orgulhosa
árvore da sua terra desertou.
Permaneceu a denominaçom
de origem. A gramática histórica
prevaleceu sobre a semântica
sincrónica. A história tiraniza-nos.
O passado agrilhoa-nos.
As cousas mudam, as palavras ficam.
Palavras enganosas, fantasmas
lexicamente vestem-nos. O tempo
trocou em falsos os nomes verdadeiros.
A superestrutura
lingüística pseudomorfosifica
a realidade. Preguiceira língua
que nom pode seguir
a evoluçom das cousas de pés ágeis.

Muitas vezes espectros sem sentido
—porque o rato do tempo-
lhes rilhou a substância—
obrigam-nos a guerrear.
E a história é um combate de mortos.
As bandeiras que à morte nos conduzem,
hai tempo que perderom a memória
do povo que simbolizavam.
Como o astrónomo capta a luz de estrelas
longo tempo apagadas no Universo,
assi as nossas ferozes
contendas por ideais ou tesouros,
som luitas por palavras
que já nom significam
o que significarom.

No Líbano nom hai cedros do Líbano.
Mentimos ao falarmos. Batalhamos
por damas que deixarom de estar vivas,
por pátrias que trocarom os seus mapas,
por riquezas que som papel moeda
sem reservas em ouro
nem trigo nem metal nem grao algum
que podam garantir
umha troca vital.

Espectros administram-nos,
e palavras vazias
formam o nosso código
de falsas locuçons,
o nosso dicionário de imposturas.

No Líbano nom hai cedros do Líbano.
Nom existe presente.
O passado
rege-nos, a anacrónica
sombra do que já foi, mas já nom é.

Nom hai cedros do Líbano no Líbano.
Empregamos a fala
de Salomom nos tempos de Shamir.

Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985).

Ricardo Carvalho Calero.

venres, 1 de maio de 2020

primeiro.



primeiro de maio
prometo non volver preguntar
onde están os que cren que a sociedade
non avanza sen eles
pero esta non é a pregunta
prometo non volver preguntar
quen é peor xenocida
co xenocida da súa conciencia de clase
e a súa globalización
o obreiro que prima o seu beneficio ridículo
aos dereitos laborais e económicos de todos
pero esta non é a pregunta
prometo non volver preguntar
cantos por causa deles morreron alcolizados
mentres bocexan cada vez que falan
dunha tal fachenda
pero esta non é a pregunta
prometo non volver preguntar
por que aínda vivir é moito mais caro
do que se gaña por traballar
pero esta non é a pregunta
prometo non preguntar
como te entregas como un súbdito
á fragrancia insostible e histórica do capital
para xustificar as contas dos magnates
pero esta non é a pregunta
primeiro de maio
prometo non preguntar polas píntegas
debía ter nove anos a derradeira vez
que vin xuntas a máis de tres
dando conta dun puñado de dípteros
mentres íamos buscar as xestas
flores hedras e fiúnchos para facerche o maio.