como unha caricia comediante
sobre un espello
preséntacheme moro en compostela
hai tempo de mulleres de cabelos louros
fetiches gardados no peto
absenta no derby vetusto e antigo
de antecesores noites valleinclanescas
de franco do carro
escribindo á noite
o seu testamento filosófico
na rúa do vilar
sobre as pedras
para deixar paso ás marías
pasear a sombra dos seus ollos
desafiantes ao dia
e a alma nos levaba ao mar de ferrolterra
tras un muro que aínda a rodea e nos lastima
era a túa voz conmovida a túa elocuencia
túa hipnótica mirada
buscando curioso unha palabra
para asexar aos dóciles interpretes
o torso orfo dunha caricia
como aquilo que se quere
e non nos pertence
tódolos camiños que andamos
durante esta curta vida para conmovernos
en medio dunha sociedade muda
empecinado ti príncipe
para que cantaran as miradas
no teu canto inquietante e libre
deixando aos incrédulos que creran
que o galo do asasino resucitou na túa
derradeira noite
adeus ata que nos leve
a alma para sempre
ao mar de ferrolterra.