agora cos días son máis
longos
as follas da figueira medran
para logo chorar leite
nos
nosos labres
as abellas convéncense
da próxima produción de figos
para crear ouro destilado
en antollo de mel
mirando dende aquí para
oriente
vestido de púrpura
onde dormen oblicuos
os raios de sol
e as escamas de sal desfanse
na auga
nun océano arquexante
alí non tan lonxe
dormen corpos que soñan coa
sede
e espertan cos labres cartón
pedra
que se afastan da boca
e póñense a voar
aproveitando a friaxe da noite
para buscar unha nube
que lles dea de mamar
un pouco de choiva un anaco
abaixo a calor palpita
e os pequenos grans de area
fúndense entre si
para facer unha alfombra de
brillos
azuis máis azuis cas ondas
que lamen nela
tan metálica como os élitros
dos insectos
que cantan pola beira
calmada a súa sede os labres
volven á boca e bícanse
para conter a humidade nun
suspiro.