sábado, 14 de xuño de 2014

respiro.


respiro as partículas de aire
sen comprender nada
entre xentes e edificios
e eu non vos vexo
trato de escribilo
aínda que non haxa nada que dicir
trato de intentalo
non é posíbel compartilo
incluso o bo deste abandono
toda esta espantosa realidade
queredes esquecer case todo
as torturas nas prazas públicas
a deixade de auxilio
os manicomios
agocharvos no limite do voso alento
encher as noites de luz e de ruído
para asustar aos vosos medos
pero tódalas mañas
facedes o mesmo debuxo
todo o que rexeitan os vosos soños
non creades que me decepciono
por non vervos
e respirar o voso fedor repugnante
tódolos vosos tormentos
tódalas vosas miradas detidas
antes de chegar máis ala do coñecido
soberbia
da vosa existencia desramificada              
en cada partícula de aire
as vosas salivas non enchen o mundo
e os vosos corpos non están trazados
en ningún mapa

respiro grazas a todo o que me afasta de vos
todo o que me afasta dos homes.




xoves, 5 de xuño de 2014

sortilexio.

non desexaba mirarte
e collín un libro para ocultarme
ata topar cun punto e aparte
sortilexio
imaxinei cun día o interpretaría todo
despois de poder saltar
cara o inicio do seguinte paragrafo
alcei a vista
como quen quere saltar un obstáculo
ou rematar con tanta torpeza
e funme contra unha letra de pedra
a quen tiña que humillar
para seguir adiante
non desexaba mirarte
sortilexio
era alí onde morría o mito
e baleiraba todo o libro de contido
algo así como a simplicidade da vida
non estou seguro
de levar tódalas letras comigo
nin de coñecelas todas
nin que en cada silencio
proxéctese a sombra da agulla do reloxo
sen ter en conta o ángulo de inclinación
non hai traxes para disimular a dor
e eu caín enfermo
afastado da certeza
non basta ter recordos
eu non penso no medo vou onde el
liquidando tódalas existencias
cando chegue o verán os días serán adultos
e inventaremos as palabras máis doces
as que nunca foron amadas.