mércores, 31 de xullo de 2013

pudor.


un neno espido le
mastiga o pudor presa do espanto
a sociedade civil estende a  falofobia
e durme detrás dun espeso velo
nunha mirada fatal
unha porta estreita da a unha habitación
inmensa
todo o que nos sucede nos leva vantaxe
arroxándonos á tristeza ou a felicidade
e cóllenos desprevidos
ninguén garda  unha frase para compartir
ninguén mira o que non pode ver
agás  o que xace no desexo absoluto
unha musica que nega o son
como descubrilo teu sexo e quedar aterrado
un dia un  neno entrou na tenda do seu pai
e descubriu que do seu baixo ventre
colgaban  os  “virilia patris” que o crearon
converténdose  así  no escravo dos escravos.

luns, 29 de xullo de 2013

insania.



a loucura ten unha semente unha floración
e unha colleita que non pode verse

se non é na precipitación

nun torrente violento que nada pode impedir
o destino de tódalas cousas

a fonte da loucura é non topalo segredo da felicidade
non comprender tódalas loucuras ás que te vas a atrever

a libido é máis forte que todo o que quero
non é posíbel pensar sen unha imaxe na mente

tódolos que non teñen linguaxe
toman por verdadeiros os soños artificiais

e esquecen co verdadeiramente fascinante
é todo o que perdura máis ala da súa satisfacción

e da ledicia que procura.

 

 

 

 

domingo, 7 de xullo de 2013

perforatum.



Na emboscada a luz pinta de ouro o flanco
rabuñando  o camiño antes de durmir na sombra
ala onde se esconde na vexetación
onde fan noite os paxaros
entre paredes  das casas caídas
que semellan antigas fortalezas
o río bicando as terras por onde pasa
facendo un canto solemne
para chegar antes que nós ao mar
e nadar enriba de escamas de grandes peixes
flotando no ceo enormes madeixas de nácara
os días de espera e impaciencia
perforando as follas para ser bebidos
nunha infusión de hipérico
entre a gran fatiga do pensamento.