sábado, 23 de febreiro de 2013

sete.


nunca unha nube bastou
para interpoñerse entre nós
para dicir o mellor de min
a onde ir
antes de esgotar a sétima vida
unha lágrima só
enchería todo o océano
non puiden acadar a felicidade
despois de tentalo na sesta vida
despois de pedir con rabia
na quinta a reforma do home
estou disposto a crer sen embargo
sen compadecerme
noutro pais noutro tempo
non sabemos quen somos
na cuarta vida vivía descortizado
protexendo o mellor e o peor
da miña felinidade
e as condicións impostas pola
natureza sen renunciar a nada
despois de ler os diarios as notas
e os dóciles poemas da miña terceira vida
non desexaba saír daquel tormento
todo o que para outros era intolerable
para min en cambio era unha virtude
creo que non deixei de seguir a resistir
da miña segunda vida
a loucura da imprudencia
na primeira unha folla en branco
antollábase  a auga cristalina dun río
e unha nube non bastou
para interpoñerse entre nós.

 

 

 

venres, 8 de febreiro de 2013

seductio.

 
estou acostumado a mastigar letras
a esperanza ten as ás rotas
e non voa
os seráns de folgos
facendo un esforzo por ceibarse
a beleza non se merca
o imperfecto do home
é tentar sometelo corazón ao cerebro
buscar probas
unha tentación á que non hai que expoñerse
senón ao suor que produce o cansazo
amar a natureza crer nela
frecuentar tódalas noites un desexo
para non esquecelo pracer
pero a sedución
só a sedución tenme afastado
en fin sen dicir nada
deixando os sentidos no delirio
sen aspirar a ningunha  inclinación
so a rompelo corazón
para ir coméndoo aos poucos.