mércores, 27 de xullo de 2011

a mar.


hai algo estraño e entrañable
a furia que remexe as entrañas
a escuma que xoga
nas cristas apagadas
das ondas na praia
a mar
inocente xogo de afrodita
imposíbel de entender
para os humanos
se non se consideran
antes saberse perdidos
de regreso á infancia
para aniquilar esta decadencia
e dicir: no principio era o horizonte.

mércores, 13 de xullo de 2011

laurus.


as princesas nas torres
adecentan as súas cofias
con cansos pasos
e límpidas nubes
atravesando as súas venas

corpos enormes
mastiles ergueitos
evocando unha melodía
non escrita
nos seus solemnes regazos

sementa de talco o meu pescozo
antes de que mo corte este soño

eu matei as miradas indiferentes

dille ás palabras que sen tremer
veñan á miña boca
e este suspiro que quede preso
nos toxos do acantilado
na auga que bate alí abaixo
onde danzan as follas
tiradas de loureiro
consagrando esta mañá

que loucura
este emotivo olor que me envolve!

canta un galo enriba dun compás

ás dunas levounas o nordés
onde a miña alma se eleva

eu matei á beleza
co fin de fecundar o teu corpo
nun encaixe tecido de seme

ven e espértame deste soño
antes co sol ilumine
ao meu amado país.

mércores, 6 de xullo de 2011

marte.

(clica na imaxe)
oh non ceder!
ver unha vitoria que non existe
agora que non sabes volver á derrota
tanto descrédito
e bagoas ilustradas
diluídas nun gin tonic
a un paso do cheiro a mexo
quen te dixo que somos inferiores
a beleza vaise cedo deitase e durme
aliviada nun goce sen ansia
sen contradicións
nas errogas do seu rostro
esa é a vitoria
dunha guerra perdida
so obedecer aos bos sentimentos
as cousas sublimes
ser sublime ata o fondo
por que choramos sos
por que amamos á inxenuidade
por que inspirámolo temor
quen te dixo que somos inferiores
é certo sen risa somos inferiores
en marte  no planeta vermello
o ano dura seiscentos oitenta e sete días terrestres.




luns, 4 de xullo de 2011

neo.


semente que nace con outro nome

vencida

para xerminar noutra terra

baixo outra sombra baixo outra ética

inexorable

fiándollo todo a un exame de conciencia

neo- semente neo- vivir neo-teoria

para librarse do tempo da orixe e da historia

menos do ceo

¿quén fala co ceo?

unha corda na herba semella unha serpe

unha nube no ceo semella un dragón

neo- devir

sen discurso sen xestos sen mirada asimilan os heroes de hoxe o seu trunfo

semente liofilizada transxénica

despois dela extínguese a descendencia

con neo- indecencia.