mércores, 16 de setembro de 2009

píus


amar é
cumprir os meus deberes
cos deuses
deste lugar antigo
honrado servidor
humano e piadoso
expiados os pecados
amor e deber
sempre enfrontados
nunha conducta
xa extinguida
¡piedade!
inspiración civilizada
lonxe da devoción
eu veneraba
ao meu pai
e el engañabame
dicía que o ceo
era unha invención
que en realidade
era o vapor dos soños
que non se chegaban realizar
avanzando no espacio
que amar é
cumprir os meus deberes
cos deuses
que a misericordia
é compadecerse
das miserias alleas
pero tamén
o puñal que da
o golpe de graza ao inimigo
un bico carnívoro
a invisibilidade
que produce o amor
como un deus
que desesperado
e fora de si
berra ¡piedade!
buscando o ventre materno
sabendo que despois
de saír del
para posúelo todo
e imposíbel volver.

domingo, 6 de setembro de 2009

inútil


a poesía non vale para nada
é inútil, inocua
non serve nin para
santificalas horas
a poesía non vale para nada
por que é o berro
desgarrado da alma
do que padece
no nigredo
do que prefire suplicar
coas palabras
e as entrelaza
para salvándose a si
salvar ao que lee
a poesía é inútil
por que é
falar, dicir, pensar,
supoñer, querer,
tentar que sexa,
non serve tampouco
por que de nada serve
poñer as vísceras
enriba da mesa
nin collelo corazón
e ofrecelo como
se fora unha cirola
a poesía é inocua
por que a dor e a felicidade
son privadas
por que se fala máis de un
e non do que se habita
a poesía é inútil
mentres
non nos aceptemos
non nos ofrezamos
non nos realicemos
e non sexamos
por eso a poesía
é cada vez máis inútil
máis necesaria
por que esta cencenada
secuestrada por uns poucos
a servicio dos de sempre
dos que falan do abstracto
e chámanlle con outros nomes
ás verdades
ata confundilas
coa estupidez
non sexa que teña
un erro estético
que non sexa correcta
que non serva
para entreter o ágape
sen ofender
sen facer pensar
sen dala
como unha espada
desenvaiñada
para acometer
ser ferido e poder ferir
para ser morto e fecundado
a poesía é inútil
non vale para nada
ofrece o sacrificio
que un cre posuír
a cambio de nada
a poesía é inútil
por iso tan necesaria .