martes, 30 de xuño de 2009

abofé


enriba dos refugallos
as formigas
prepáranse para o inverno
movendo o pedúnculo
chamáchedesme
e case desmaio
ao sabelo
constrúo oracións na superficie
chamachedes por min
e eu non estou
deixei dito
que fun a implorar
gramaticalmente
o perfil que teño
é ao desuso
non rima
con ningunha letra
ao uso
pero tampouco son
un .............
agora estou a aprender
o vocabulario
da a á be
“abacelei a túa aba
nun xesto abacial
despois quedei
abaciado
xogando cun ábaco
en forma de be
como o abalo da lúa
abicando os ollos
dos acantopterixios”
chamando por ti
tan real
como o que facemos
cando non nos vemos
para poder durmir
outra noite
esquecendo a regra
de tres
chamáchesme
e case desmaio
ao sabelo
como as formigas
ao final do verán
a raíña e o macho
póñense ás
para partir en vo nupcial
ao regresar
a raíña arranca as ás
e o macho morre
a mesma noite
da súa voda
para poder durmir
esquecendo a regra de tres.

martes, 23 de xuño de 2009

salomé. por que?


a miña cabeza e a mesma
ca do Bautista
cada ano paséana
os pagáns
entre berros e fogueiras
esquecen que
degoláronma
por criticalo poder
por enfrontarme
a Herodes Antipas
por non consentir
que as cousas
se dividan
en propias e alleas
pois son comúns
que é preciso
non conformarse
e é necesario dicilo
ben alto
que perdémolos fillos
e facenda
e que ninguén nos prestou
tal riqueza
por que é nosa
nin a compramos
nin estivo nunca en venda
e si é necesario
clamemos no inmenso
deserto
e queixémonos da beneficencia
ergueita sobre a ventá
nun vaso de auga
onde a clara dun ovo
debuxa
cando será a próxima vez
que como a el
ela lle baile
e lle pida a Herodes
a nosa cabeza
sobre unha bandexa
mentres outro ano
despois do fume
das fogueiras
na amañecida
de San Xoán
no día do seu natal
arrecendo os corpos
ás herbas do cacho
volva asaltarnos
outra vez a mesma pregunta:
¿matamos só aquelo que amamos
para vivir, esquecer e morrer?.

luns, 15 de xuño de 2009

labor


chamase traballo
unha forma nova
de rezarlle a outro deus
a superestructura de sempre
na infraestructura
de sempre
nada doutro mundo
neste inmundo
de recambio
sangue nova
para unha explotación
rápida
sangue nova
para alimentalo
novo deus
desapiadado
dentro da pel
do deus de sempre
que garda nunha caixa
forte e blindada
por mil cadeados
a definición
a solidariedade
o compañeirismo
e a ideoloxía
un deus de agora
dentro da pel
do deus de antes
cando quere cambialas ideas
cambia a economía
relaciona aos seres
como números
négalles a posibilidade
de coñecemento
despóxaos da afectividade
chamase traballo
pero é o deus
de sempre
que garda
baixo mil cadeados
a conciencia de ser
a conciencia de crase.
obrigándonos como escravos
en contra da nosa vontade
blindado polos
santos ministros
da súa relixión
na que néganos
toda posibilidade de felicidade
toda posibilidade de salvación
toda posibilidade de razón
para vivila nosa vida
non fai falta rezarlle.

luns, 8 de xuño de 2009

ao vento


agora estamos todos mortos
dunha ou doutra maneira
estamos mortos
nunha praia ligur
onde podíanse
asalos peixes
enriba da area
sobre as teas de madeira
queimase o seu cadáver
poñendo definitivamente
rumbo á tormenta
un barco navegando polo pranto
e sen embargo
estamos todos mortos
dunha ou doutra maneira
MORTOS.

(non se acepta duelo)