domingo, 25 de xaneiro de 2009

nós


loitamos contra os fenicios,
fomos os fillos de Mil
estivemos a beira de Prisciliano
trouxémolo despois que a igrexa
o asasinara en Treveris,
fomos uns dos sesenta mil
que derrotou Xuño Bruto,
estivemos na batalla de Medulio
logo cando os vándalos
e os suevos nos ocuparon
reverenciamos ao paganismo
e persiguiunos Martiño Dumiense
matáronos os godos
mentres Leovixildo
facía prisioneiro a Andreca,
erguémonos contra os musulmáns
baixo o estandarte de Paio
para logo ser escravos
do príncipe dos crentes,
vimos estupefactos como Almanzor
levouse as campás da Catedral
e como despois os seus homes
morrían de diarrea
por designio do apóstolo,
acompañamos a Ordoño
a reconquistalas vilas,
fomos labradores, colonos, servos,
tamén levounos a peste negra
para volver ser colonizados e desprezados,
estivemos nas torres do Oeste
resistindo o ataque de Ulf,
fomos irmandiños ofuscados
pero non nos puxemos dacordo
e acabou con nós a vinganza
dos triunfadores
baixo a vara do Conde de Lemos,
executáronos en Mondoñedo
con Pardo de Cela
baixo a mirada compracente
dos reis católicos,
acompañamos a Colon
a conquistar América e a volta
escoitámolos berros de Xoana
a Tola.
nos eramos unha desventura,
leváronnos tamén á picota
os inquisidores por pasear á tardiña
e por tomar figos,
despois de castigarnos publicamente
e rirse de nós,
iamos a invadir Inglaterra,
nos afundiron fronte Escocia,
eramos cento trinta barcos
e vintecinco mil homes
volvemos sesenta e seis barcos
e dez mil homes
pero logramos pasar á historia
como a armada invencible.
cando expulsaron aos mouriscos
afundiron os recursos
e a nós con eles,
cando a mellor empresa
era ser rei de España,
un sábado de primeiros de decembro
independizase Portugal,
aquí ao lado,
logo veunos Carlos II
un típico Austria
que para andar co seu corpo
enderezado tiña que arrimarse
ás paredes mesmo como
un enfeitizado.
eramos homes traídos do ceo
para os indíxenas
que logo horrorizados
viron como sementamos
o seu territorio de cadáveres
e crucifixos,
recalamos en Ferrol na invernada
e dende alí fomos cara Bretaña
e ás guerras relixiosas de Francia,
Francis Drake fixo o propio
na Coruña,
acompañamos a María Pita
e o seu valor,
fomos espantados polos turcos
ao lado de María Soliño
e esperamos un novo día
nas fragas de Coiro
mentres o sangue verquia na ría,
fomos outra vez gandeiros
e agrarios, artesáns e comerciantes
e démoslle de comer aos nobres
e aos curas,
todo o noso suor ía para o décimo
eles encámbeo nos obsequiaban
cós seus actos de fe
poñéndonos un sambenito
e paseándonos con unha
coroa ardente,
logo Fernando VI
encheunos de melancolía
e Carlos III deseñaba con Ensenada
as novas cidades
embutido nun vestido
con botóns de diamantes,
perseguiunos Carlos IV
pero non puido coas nosas ideas,
igualdade, fraternidade, humanidade
e tolerancia,
rexeitámolos ingleses en Brión
para loitar despois contra dos fidalgos
que incrementaban as nosas rendas
para construír os pazos
que todavia hoxe miran cara dentro,
chegaron tamén os cataláns
traendo novas trazas marítimas
o bou e a xávega
facéndose así có control
das conservas,
no século dezaoito criticamos como hoxe
a miseria que vive o agro,
o predominio das propiedades do clero
e o pouco que produce o monte comunal
o excesivo numero de impostos
a iñoranza e a superstición,
loitamos contra o francés
xunto a Sir John More en Elviña
tamén con Morillo e Cachamuiña
en Pontesampaio, en Cotobade, en Tenorio,
en Augasantas e en Pontebora.
naceu daquela a “Pepa”
e con ela o sufraxio universal masculino
o poder do rei restrinxido,
os dereitos cidadáns
para ser aniquilada por Fernando VII
e o seu absolutismo,
fomos masóns, liberais, constitucionais,
absolutistas e volvéronos a executar
xunto a Porlier,
despois erguémonos no cuarenta e oito
en Carral e fusiláronos alí mesmo
na carballeira de San Estevo de Paleo,
quedándonos o nome de Mártires,
cando abdicou Amádeo I
parecía que a monarquía morrera
para sempre e nacía a I República
con Pi i Margall,
manifestámonos cos obreiros,
mariñeiros e republicanos,
tomamos o control das cidades,
para logo ser condenados
polos federais de Madrid,
mentres expandíase unha epidemia
que todavia nos asolaga
chamada caciquismo
e a súa clientela de parasitos,
fillos, netos,xenros, primos,
veciños, ou sexa o seu rabaño,
tentamos a solidariedade
pero entre tanto minifundio
non a acadamos
alcumáronos como anarquistas
por defendernos dos pistoleiros
da patronal que mataron a
Salvador Segui
a monarquía de Alfonso XIII
xuntaba ós seus designios
a dictadura de Primo de Rivera
para elaborar un goberno
autoritario que tampouco puido
con nós,
fomos explotados
baixo a doutrina do catecismo
do labrego e morriamos
en casas vellas sen retretes,
sen luz, sen auga,
entre porcos e cabras,
tratados polos acomodados
como se tiverámola peste,
entre prostitución, alcol e delincuencia,
aos seis anos empezamos a traballar
de doce a trece horas
vendo unha procesión polas rúas
que levaban aos nenos
xunto ás súas nais
para que lles deran de mamar,
loitamos pola folga,
polas oito horas,
pola caixa de resistencia,
creamos sindicatos de oficios,
pois coma agora
os salarios diminuían
e os prezos cada vez eran máis altos
e un día despois de deitarnos monárquicos
erguémonos republicanos
pero o medo infundado
contra do noso laicismo
espertou o odio e o xenocidio
da igrexa a oligarquía e o militarismo
e alimentando a serpe
dun dos seus ovos xurdiu un Anano
fascista e sanguinario
alfombrando o pais de mortos,
exiliados,presos, afastados de por vida
dos seus
e volvemos a non ser
ata morte do tirano
para espertar borbónicos de volta,
de centro, de dereitas, autonomistas,
socialistas a medias, nacionalistas
de café con leite global, neoliberais,
bipartitos, tripartitos, demócratas,
demarcados.
mentres o sangue verque noutra ría,
somos outra vez gandeiros
e agrarios, artesáns e comerciantes
e dámoslle de comer aos nobres
e aos curas,
pero non poderán coas nosas ideas
aínda que teñamos que ser
outra vez Mártires.

luns, 19 de xaneiro de 2009

posme


as cousas non son
como son
senón como as deforman outros
posme nun apuro
funme esta noite
pola ventá,
a ventá que temos todos
aquí abaixo
no ventre
e que ninguén coñece
cada
vez
que
posme
nun
apuro
volvo
a
debuxar
unha
arbore
na
area,
convértome nunha estatua
de bronce
e poño unha venda
nos ollos para preguntarme
quen vive na miña alma
que é o que da sentido
ao que miro
mentres vaise perdendo
todo entre as miñas mans
cada vez que posme
nun apuro
voume pola ventá.

xoves, 15 de xaneiro de 2009

pasmado


paso embaixo del
para non verme
para non velo
déixome aparecer
e desaparecer
ata ser absorbido por el
cada vez que me devolve
ao pasado
tento acordarme
que non existe
que só existo fora del
torpe de min
pretendía velo universo nel
e recibir como a lúa
a luz do sol no meu berce
non sei como facelo
digo: non é para tanto
é tan doado equivocarse
é tan fácil ser ambiguo,
cada vez que me vexo
é outro quen me ve
non son eu o que me vexo
senón el
e a súa humana conciencia,
xúroo
esta vez despois
de que me absorba
doulle a volta
para que a verdade
me devolva,
ou póñoo fora
para que todo aquel
que pase se vexa nel
e así se vexa
dunha vez en min,
no espello.

(Nota: Debido ao meu secuestro por parte da Consellería de Medio Rural co fin de terme traballando durante alomenos os seis vindeiros meses e como desgrazado de min das letras non vivo nin podo dar de vivir aos que me rodean espero saibades desculpar os posíbeis desbaraxustes, quizais os venres e sábados poderei escribir aquí e tódolos días que me sexa posíbel e si o santo e mártir traballo me deixa. Grazas e grazas tamén pola vosa preocupación, aínda que penso que non o merezo.)

mércores, 14 de xaneiro de 2009

grave


dime que somos
menos importantes
co porco celta
cos grelos de Ordes
cas patacas de Coristanco
ou ca cabaza que tódolos días
en procesión
pasean pola televisión
engáname
dime que somos
menos importantes
que un penedo
que temos menos dereitos
ca vaca rubia “do pais”
dimo en baixo
para que non se asuste
quen esta a ler
dime que somos
máis importantes
que ninguén
menos cunha leira
por que ela é
e nós nin somos
dime que a gaita
a toca o de Hamelint
afiada polo estado
e a todos leva a rolos
dime, que quen che di
todo esto
esta moi preocupado
polos que non teñen
nin para pan
nin para leite
nin para ofrecerse un xornal
nin a se mesmos
nin aos seus
dime con outras palabras
que xa non estamos
no feudalismo
no autoritarismo
que as castes morreron
que os señores
cederon os seus pazos
aos menesterosos
dime que Breogán
foi o primeiro en emigrar
e que dende aquela
gardan baixo chave
o seu carné de identidade
engáname
dime que non soñas
con un golpe de sorte
para cambiar este pais.

martes, 13 de xaneiro de 2009

adiviña


todavia adiviñando
o universo
os tótems,
os ídolos
e a tirafonda lanzada
polos pastores
logo transformados
en emperadores
a cabalo
e os cans ladrando
aos seus pés ensandalizados
todavia dentro
do circo romano
home cazado
pola brutalidade
doutro home
Apuleyo acusado
de hipnotizar aos nenos
adorar estatuas obscenas
e de gustarlle os espellos
de ser númido
de que unha matrona
namorara do seu asno
todavia adiviñando
o significado de cupio,
ámote, deséxote,
quérote só a ti
tódolos días representándonos
no anfiteatro domestico
como os asnos
convertidos por feitizo
en sacerdotes de Isis
no Campo de Marte
todavia adiviñando
que é o que sostén a un pene
para poñerse teso
e faino pasar
de amo en amo.

luns, 12 de xaneiro de 2009

gaza


se cadra fai moito
que me fun
e xa non teño
que faguer
agás contar bolboretas
negras
saias de muller voando
tapándome
desdebuxar a sede
nos labres
para non libar
un estraño néctar
que vai afastando
ao ser humano
do ser humano
ver as agachadas
o papel no que escribo
para non asustarme
do que estou a poñer
soster unha pedra
entre os dentes
de tanto insistir
en todo o que debía ser
exacto
como volver a crer
nos primeiros raios de sol
que esvaécense
mentres mudo
érgome cara gaza
e desprezo o occidental
correcto ritus
conto tódalas
bolboretas negras
que saen dos meus ollos
mentres en Palestina
nos matan a todas
e a todos.